Thursday 31 de October de 2024

O Concello abre unha enquisa de participación cidadá para planificar a rexeneración urbana do Barrio das Flores


Desde a Oficina municipal de Rehabilitación e Vivenda solicitan a colaboración das veciñas e veciños do barrio nesta fase de análise e diagnose do Plan Director de Rehabilitación Integrada das Flores

O Goberno local está a impulsar o Plan Director de Rehabilitación Integrada das Flores, unha ferramenta para a rexeneración urbana do barrio que planificará accións de mellora na contorna urbana, espazo público, vivendas e equipamentos e servizos. Actualmente, o plan atópase en fase de análise e diagnose, motivo polo que desde a Oficina municipal de Rehabilitación e Vivenda piden colaboración a través dunha enquisa de participación cidadá que pretende incorporar os hábitos, percepcións e coñecementos que teñen as e os veciños do Barrio das Flores. Trátase de coñecer que valoración fai a poboación dos espazos públicos do barrio e do estado das edificacións, así como as melloras que consideran que deberían introducirse. Responder a este cuestionario (dispoñible na seguinte ligazón https://www.coruna.gal/vivenda/gl/pd-barrio-flores/enquisa-cidada, non debería levar máis de 10 minutos.

O concelleiro de Vivenda, Juan Díaz Villoslada, sinalou que “a participación cidadá desprégase ao longo de todo o proceso de construción deste plan director”. O obxectivo do Goberno de Inés Rey, explicou, é integrar as necesidades e demandas veciñais no proceso de diagnose pero tamén validar os traballos técnicos realizados na definición das estratexias e actuacións, así como a valoración das propostas e a priorización das accións. Nota de Prensa

O plan director é un instrumento tanto estratéxico como de traballo executivo que guía as futuras intervencións de mellora urbana do barrio. O obxectivo é crear un modelo de cidade máis sostible e eficiente, máis inclusivo e máis amable cos seus habitantes. Estes principios están aliñados co modelo e procesos da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible EIDUS Coruña, así como cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda Urbana 2030 impulsada polas Nacións Unidas.

Ademais, o Concello constituíu o grupo impulsor para este plan director, unha figura de participación que forma parte do seu proceso de elaboración, nas que forman parte todas as asociacións e entidades que conforman o tecido asociativo do Barrio das Flores. Aquí están incluídos os colectivos e plataformas veciñais, así como as asociacións sociosanitarias, culturais e deportivas con sede na zona.